Polo inferno a dúas rodas: así é a Paris-Roubaix

-Unha das grandes citas de cada temporada ciclista, que congrega a milleiros de persoas nun dos recorridos máis duros do mundo e reúne verdadeiros adeptos.

-A causa da COVID-19, no 2020 a cita viuse cancelada por primeira vez desde 1942 e por oitava na súa historia.

(foto: Cor Vos)

Cada segundo domingo de abril, a comunidade ciclista de todo o mundo reúnese, xa sexa nas estradas ou diante dos televisores, para gozar dunha das súas homilías máis importantes de todo o ano. É difícil explicar a unha persoa non afeccionada a este deporte como a unión de terra, pedras e quilómetros e quilómetros chans polo norte de Francia pode espertar semexante paixón entre os seus adeptos e nos propios profesionais da bicicleta (a menos que te chames Bernard Hinault).

O premio físico, aparte de 30.000 euros, consiste nun simple adoquín, o elemento protagonista e xuíz desta singular carreira, mais o relevante realmente de vencer na Paris-Roubaix está no significado histórico e no abstracto, no respecto gañado a pulso por ser quen de levantar os brazos nun dos recorridos máis crueis do calendario, non por nada coñecido como “O Inferno do norte”, que constitúe un dos cinco Monumentos do ciclismo e a mellor clásica de primavera.

UNHA CARREIRA QUE NON DEIXA INDIFERENTE A NINGUÉN

Eddy Merckx ao ataque na edición de 1969. (foto: Horton Collection)

A lenda da Paris-Roubaix comezaba en 1896 estan só as Guerras Mundiais, nos períodos do 1915 ao 1918 e do 1940 ao 1942, e este rematado ano 2020, por mor da COVID-19, puideron impedir a súa disputa. E esta tradición anual coa bicicleta debémoslla a Maurice Perez e Théophile Vienne, dous homes de negocios do textil, quen, logo de construir un velódromo nos seus terreos en Barbieux, viron a oportunidade de culminar a súa obra organizando unha carreira ciclista.

Co apoio do xornal Le Vélo e o seu editor Louis Minart conseguiron facer realidade a súa idea. Iso si, sen a categoría que hoxe posúe, senón considerada como unha proba de preparación para a famosa naqueles tempos, xa desaparecida, Bordeaux-Paris. O domingo 19 de abril de 1896, baixo un profundo malestar do mundo relixioso por disputarse no día do Señor, comezaba a primeira edición da Paris-Roubaix, e o resto, como se adoita, dicir, é historia. Desde Josef Fischer ata Philippe Gilbert, primeiro e último gañador ata a data, pasando por Maurice Garin, Henri Pelissier, Gaston Rebry, Rik Van Looy, Eddy Merckx, Roger de Vlaeminck, Francesco Moser, Johan Museeuw, Tom Boonen, Fabian Cancellara e un senfín de historias. A Paris-Roubaix é ciclismo, o ciclismo é a Paris-Roubaix.

Ligazón ao Timeline | Fonte: ProCyclinStats | Elaboración propia

ASÍ SE CONSTRÚE O INFERNO

Todo Inferno ten o seu Demo. (foto: eatsleepcycle.com)

A singularidade da “Pascal”, outro dos seus motes, este con orixe nas disputas coa santa Igrexa, procede dun motivo principal, e ese é o seu recorrido. A Paris-Roubaix é o fiel reflexo do que para moitos é o ciclismo puro e antigo: unha proba de fondo que nunca baixou dos 250 quilómetros, netamente plana (ata 2019, cando se incluiu unha cota de cuarta categoría, pero que apenas ten significancia), baseada na supervivencia (raro é non disputar unha edición sen bicar o chan ou sen sufrir unha picada na roda) e na que, polo habitual, se premia o ciclismo atacante sobre o conservador.

Un cóctel que como resultado dá un dos maiores espectáculos sobre dúas rodas, e que non sería posible sen un factor mencionado con anterioridade, como son os adoquíns. Ningunha corrida en todo o calendario conta con tanta presenza destas condenadas pedras (ata 50 quilómetros cubertos por esta superficie) que fan tremer as bicicletas e aos ciclistas. Saber dominar a montura nestes cerca de trinta tramos, algúns deles de 5 quilómetros de lonxitude, tórnase fundamental para sobrevivir e non perder as opcións de vitoria no velódromo de Roubaix. Máis se á chuvia se lle dá por facer acto de presenza nos días previos ou durante a mesma evolución da carreira, algo que todo afeccionado, diga ou non en alto, desexa que suceda cada ano.

Ligazón ao mapa | Fontes: Google Maps, Cyclingnews | Elaboración propia

DE COMPIÈGNE A ROUBAIX EN SEIS HORAS

Segundo “Google Maps”, 2 horas e 2 minutos nos levaría completar o recorrido máis directo de Compiègne ao velódromo de Roubaix. 9 horas e 3 minutos se realizamos unha ruta similar na nosa bicicleta. Estimacións que, pasando case cen quilóemtros máis, se ven pulverizadas polos profesionais. 5 horas, 58 minutos e 2 segundos lle custou a Philippe Gilbert terminar a Paris-Roubaix 2019. Con 5 horas, 41 minutos e 7 segundos, Greg Van Avermaet no 2017 estableceu a edición máis rápida da historia, rompendo un récord máis de medio século vixente ao alcanzar unha media de 45,207 km/h para lograr a vitoria.

Porque si, aparte de ser quen de sobrepoñerse a todas as trabas que xa o propio camiño impón por natureza, cómpre ir moi rápido enriba da bicicleta para tentar gañar na carreira dun día máis importante do mundo. Pois o que tentabamos dicir desde o comezo, todo un Inferno.

Por desgraza, son poucos os datos dos que podemos botar unha man, pero aínda así certamente representativos.
Ligazón á infografía | Fonte: Strava | Elaboración propia

Se aínda non entendes o que é esta carreira, quizais este vídeo da canle de YouTube “Memorable Cycling Moments” sirva de axuda. E os enfervorecidos afeccionados, mentres tanto, poden gozar del ata que regrese a Paris-Roubaix ás estradas.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s